Ao longo do segundo semestre de 2021 o CIS Tecnoloxía e Deseño desenvolveu un ciclo de conferencias divulgativas en formato online no que, baixo o título de Encontros de Tecnoloxías Innovadoras, se trataron temas relacionados con algunhas das denominadas Tecnoloxías 4.0.

Así, falamos con diferentes especialistas sobre aplicacións avanzadas de Realidade Virtual e Realidade Aumentada na empresa; qué se entende en diversos sectores por Digital Twin; cal é o estado actual das tecnoloxías de dixitalización 3D; que tipos de Fabricación Aditiva podemos atopar no mercado ou cales son as características máis relevantes de Unity e Unreal para a xeración de aplicacións virtuais.

Máis de 20 entidades galegas participaron como relatores expertos: empresas privadas como Gato Salvaje, XOIA, Filament2Print, Customoimplants, NORT 3D, XEOMÉTRICA 3D, GEOMATI_K INGENIERÍA, NAVANTIA, CINFO e INGEMAR, centros tecnolóxicos como AIMEN ou o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) ou universidades como a Universidade da Coruña.

Para este ciclo de encontros tamén puidemos contar con profesionais doutras entidades nacionais e internacionais  como Factoría 5 Training Hub ITTI, High Tech Institute, Windforce, GLOBAL GEOSYSTEMS, TOPCON, Industrial Augmented Reality SL, Parametric Technology Corporation (PTC), SENER MARINE , Boeing ou a Universidade Politécnica de Valencia.

Nestes encontros participaron máis de 300 persoas, das cales a gran maioría procedían de empresas. Tamén participaron asistentes de universidades e centros tecnolóxicos. Todos eles mostraron a súa satisfacción polos contidos e obxectivos acadados,  o que reforza o proxecto de continuar organizando encontros tecnolóxicos que dende o CIS Tecnoloxía e Deseño abordaremos en 2022.