A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañou esta mañá a un grupo de estudantes de 3º e 4º da ESO do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña) na súa visita ao CIS Tecnoloxía e Deseño no marco do programa EduTecEmprende, promovido pola Xunta.

 

O obxectivo desta iniciativa é motivar e sensibilizar a alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover o seu achegamamento ás áreas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través de Gain- colabora coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade neste programa no marco da súa actividade de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre a infancia e a mocidade, co obxectivo de conseguir un maior interese por estas áreas de coñecemento e axudar a que os estudantes visualicen as profesións STEM como opcións de futuro satisfactorias.

 

A directora da Axencia Galega de Innovación, departamento do que depende o CIS Tecnoloxía e Deseño, explicoulle aos estudantes as áreas nas que traballa o centro na súa misión de apoiar a innovación empresarial como: os materiais innovadores, o deseño, a realidade virtual e aumentada, a cooperación internacional en I+D+i e o fomento do emprendemento e das vocacións científico-tecnolóxicas.

 

Argerey animou aos visitantes a seguir formándose para incorporarse o día de mañá ao Sistema Galego de Innovación, que precisa de moito talento para seguir avanzando no obxectivo de conseguir unha economía galega máis baseada no coñecemento e na innovación, resiliente e capaz de facer fronte aos grandes retos globais como o cambio climático ou a pandemia.

Ver nova completa: NOVAS XUNTA