Os materiais baseados en materias primas secundarias foron os protagonistas do primeiro workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, que tivo lugar o 28 de abril no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), sede da  Materioteca de Galicia

Este ciclo, que se desenvolverá ao longo de todo este ano a iniciativa da  Axencia Galega de Innovación, está dedicado a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.

Durante a apertura do workshop, a directora de Centros da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño, explicou que, dende a súa creación en 2019, a Materioteca de Galicia incorporou 105 materiais creados en Galicia, recibiu máis de 1.000 visitas e organizou 10 workshops aos que asistiron outras 1.000 persoas. Ademais, actualmente dá acceso a información sobre máis de 8.000 materiais de todo o mundo.

Este balance positivo foi tamén destacado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que durante a clausura destacou a relevancia da materioteca para a comarca.

Do téxtil á construción

Na primeira parte da xornada, que foi retransmitida online, as empresas galegas Rir&Co, Cholita Recicla e Extraco, xunto con dous grupos de investigación da Universidade da Coruña, presentaron as súas propostas de materiais baseados en materias primas secundarias.

Gema Neira, de Cholita Recicla , presentou Onenowood, un material procedente da reciclaxe de residuos plásticos para fabricar mobiliario urbano como bancos, xardineiras e tapas de sumidoiros. A súa última aplicación é en calzado, con solas feitas a partir de plástico reciclado mediante impresión3D.

Inés Rodríguez, de RIR &CO, explicou que o contacto cunha materioteca, MATERFAD, foi a orixe da súa aventura unindo artesanía, deseño, tradición, tecnoloxía e innovación. O seutecido D-Leite, que incorpora a fibra de proteína láctea a unha base de la meiriña, foi seleccionado no I Certame de Materiais Innovadores de Galicia.

Francisco J. Prego expuxo que EXTRACO atopou na Universidade de A Coruña (UDC) a socia idónea para obter materiais de construción sustentables procedentes da valorización de residuos e subprodutos e anima as empresas a buscar solucións innovadoras nas universidades.

As investigadoras da UDC Ana M. Rodríguez e Belén González presentaron varios proxectos de fabricación de alternativas sustentables para o asfalto e o formigón. Rodríguez expuxo, entre outros, o proxecto Iwabimix, no que o Grupo de Estradas, Xeotermia e Materiais incorpora residuos industriais como cinzas de biomasa para fabricar mesturas bituminosas, alternativas verdesao pavimento convencional.  Pola súa banda, González explicou a experiencia do Grupo de Construcción no emprego de residuos de construción e demolición para elaborar formigóns e a súa colaboración no desenvolvemento da normativa para que se usen coas mesmas garantías que os convencionais.

A segunda parte do workshop, de carácter exclusivamente presencial, tivo formato de taller práctico e interactivo. Foi dinamizado polos expertos Unai Etxebarria e Iker Agirre, da empresa especializada Materially), que presentaron unha selección de materiais innovadores baseados en materias primas secundarias recompilados  nun estudo estratéxico xa dispoñible na web da Materioteca de Galicia