Xóvenes da Fundación Secretariado Gitano visitaron o pasado mércores 7 de setembro o CIS Tecnoloxía e Deseño. Durante a visita,  coñeceron o noso centro e as súas principais áreas de coñecemento e actividade;  visitaron a Materioteca de Galicia e testaron diferentes aplicacións no showroom e na sala de demostradores.

No showroom o alumnado puido experimentar en primeira persoa con distintos dispositivos de realidade virtual (HTC Vive, Oculus…)  ou con dispositivos móbiles de realidade aumentada orientados ao mantemento de equipos industriais.  Coñeceron tamén  a CAVE,  o entorno inmersivo formado por catro pantallas de grandes dimensións e a continuación visitaron os demostradores:   gafas de realidade aumentada Magic Leap para visualizar o mantemento dun incinerador de residuos; gafas de realidade aumentada Hololens para visualizar o Sistema Solar e gafas de realidade virtual HTC Vive Pro para experimentar cun proceso de pintura e vernizado con pistola.

Esta visita continúa co obxectivo de  motivar e sensibilizar o alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega ás áreas STEM.

Esperamos que os rapaces e os seus monitores e profesores disfrutaran a experiencia!

Ver tamén: https://www.gitanos.org/actualidad/archivo/136504.html