O CIS Tecnoloxía e Deseño da Axencia Galega de Innovación (GAIN), dentro das súas actividades enmarcadas na rede Enterprise Europe Network, promove en 2023 unha nova edición do Ciclo Formativo sobre Vixilancia Tecnolóxica. Este ciclo ten como obxectivo dar resposta á crecente necesidade e interese das empresas e entidades galegas por incrementar o seu coñecemento sobre os elementos e servizos que conforman a vixilancia tecnolóxica e a intelixencia competitiva, ambos, elementos clave para incrementar o seu rendemento e produtividade.
O ciclo inclúe 4 actividades formativas, que afondarán en aspectos de gran relevancia, como a vixilancia de competidores, as ferramentas para a vixilancia tecnolóxica, a propiedade industrial como incentivo para a comercialización de produtos e os retos actuais relacionados coa xestión de patentes.
Ao longo dos obradoiros, trataranse as claves para impulsar a vantaxe competitiva das organizacións a través da vixilancia de competidores e profundarase nas principais ferramentas para a xestión eficaz do ciclo de vixilancia e intelixencia estratéxica. Tamén se reflexionará sobre temas clave como a capacidade da propiedade intelectual para protexer a actividade innovadora das compañías e mellorar a comercialización dos seus novos produtos ou servizos. Ademais, analizaranse as principais tendencias e retos en canto á protección e a comercialización das patentes. Concretamente, incluiranse as seguintes actividades:
Data: 3 de outubro de 2023
Taller “Eleva a túa Vixilancia e Intelixencia Estratéxica con Ferramentas Avanzadas”
Data: 17 de outubro de 2023
Taller “Domina a Vixilancia de Competidores: Impulsa a túa vantaxe competitiva”
Data: 31 de outubro de 2023
Taller “Como pode contribuír a Propiedade Industrial a unha mellor comercialización do teu produto”
Data: 21 de novembro de 2023
Taller “Tendencias actuais no ámbito da Propiedade Industrial: as Patentes”
Todos estes talleres, impartiranse de forma telemática, en formato videoconferencia en tempo real. A asistencia a estas sesións é completamente gratuíta, no entanto, o número de prazas é limitado, de modo que é imprescindible enviar unha solicitude previa de asistencia, que poderá realizarse a través da web de FEUGA. Unha vez rematado o prazo de insrición enviarase un correo electrónico a cada persoa confirmando a obtención da praza.