Continuando cos desenvolvementos que GAIN, por medio do CIS Tecnoloxía e Deseño, vén realizando con destino aos centros educativos da nosa comunidade, este mes de marzo entregou a primeira parte dun proxecto de Realidade Aumentada con destino á Biblioteca do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba.
Esta biblioteca, pola súa excelente xestión, foi incluída no Plan Lia 2 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en favor das bibliotecas escolares para a mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades investigadoras e de uso da información, e está dedicada ao escritor galego Agustín Fernández Paz.
Nesta primeira parte do proxecto “Realidade Aumentada na Biblioteca” a responsable da Biblioteca do IES seleccionou seis libros do mencionado escritor e o CIS xerou unha aplicación de realidade aumentada por cada un deles.
Estas aplicacións fan que as portadas parezan tomar vida, e mostren ao/a usuario/a parte das tramas que se van a atopar no libro, aínda antes de abrir a primeira páxina.
Esta primeira parte do proxecto completarase con outra aplicación de realidade aumentada na que un avatar 3D do escritor Agustín Fernández Paz a escala real mostrará os distintos espazos da biblioteca e os seus contidos aos/ as novos/ as usuarios/ as.