No marco do programa EduTecEmprende, que busca motivar o espírito emprendedor do alumnado a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da nosa comunidade ademais de promover o seu interese polas áreas STEM, visitáronnos alumnos do IES Leliadoura de Ribeira acompañados polos seus profesores.
Durante estas visitas, o alumnado tivo a ocasión de asistir a unha sesión explicativa sobre as funcións do CIS Tecnoloxía e Deseño e as actividades tecnolóxicas que desenvolve, ademais de coñecer a Materioteca de Galicia coa explicación detallada dun dos técnicos do centro, co que puideron coñecer os distintos materiais presentes na biblioteca, as súas aplicacións e as empresas que os desenvolven e/ou comercializan.
Despois da sesión explicativa sobre a Materioteca de Galicia, os alumnos organizáronse en dous grupos para visitar o showroom e os demostradores.
No showroom, os alumnos experimentaron con diferentes dispositivos de realidade virtual (HTC Vive, Oculus Rift, Google Cardboard, etc.) e realidade aumentada a través de dispositivos móbiles destinados ao mantemento de equipos industriais e márketing. A continuación, durante a visita á sala de demostración, os alumnos coñeceron a través de lentes de realidade aumentada e realidade virtual varios demostradores desenvolvidos no CIS Tecnoloxía e Deseño como o mantemento dun incinerador de residuos, o mantemento dun compresor de aire ou unha pistola pulverizadora.
Desde o centro esperamos que a visita dos alumnos e profesores do IES Leliadoura de Ribeira fose interesante e produtiva para o seu coñecemento das novas tecnoloxías.