O mércores día 14 de xuño, o alumnado gañador da IV edición das Olimpíadas de Seguridade Vial do Concello de Narón visitou o CIS Tecnoloxía e Deseño.
Estudantes de quinto de primaria dos centros CEIP de Piñeiros, CEIP Ponte de Xuvia e CEIP Virxe do Mar gozaron dunha mañá chea de Ciencia a Tecnoloxía como premio a súa labor nas olimpíadas.
A xornada comezou cun show científico de David Ballesteros, que baixo o título “Ciencia ou Maxia“ presentou aos estudantes un conxunto de experiencias sorprendentes que ata ser explicadas parecen máxicas. Así, exploraron os segredos do lume, mergulláronse nos fenómenos eléctricos e aprenderon sobre a importancia da xenética entre outras experiencias fascinantes.
Unha vez finalizado o show, os nenos e nenas asistiron a dúas actividades que se desenvolveron de xeito simultáneo: Por unha banda, un xogo de pistas na contorna do CIS Tecnoloxía e Deseño no que os participantes, organizados por equipos, superaron retos de carácter científico e tecnolóxico, resolveron enigmas e traballaron en equipo. Pola outra, un pase exclusivo no que probaron aplicacións, dispositivos e simuladores virtuais e de realidade aumentada desenvolvidos integramente no CIS Tecnoloxía e Deseño.