Catro profesores da especialidade de Transporte e Mantemento de Vehículos do CIFP Someso de A Coruña achegaronse este xoves 18 de maio ata CIS Tecnoloxía e Deseño para comprobar as prestacións e funcionamento do Simulador de Pintura para pezas de Automoción desenvolto por CIST&D ao abeiro do proxecto MAINGAP.

Este simulador utiliza a realidade virtual para axudar aos alumnos na aprendizaxe da pintura de pezas de carrozaría con pistola spray, un proceso que require unha habilidade física que se adquire coa práctica, e que utiliza simulacións realistas para o aforro en tempos de preparación, limpeza posterior e sobre todo en custes de materiais. Ademais, resulta máis saudable ao non ser precisa protección polos vapores de disolventes e proporciona datos obxectivos aos formadores, xa que durante a simulación rexistranse tódalas accións e movementos realizados durante o proceso.

O uso de ferramentas de simulación permite comprobar se as recomendacións son atendidas polo alumnado, a súa evolución na calidade da execución e un rexistro numérico que indica o grao de preparación profesional.

CIS Tecnoloxía e Deseño desenvolveu tres simuladores de vernizado e pintura ao abeiro de tres proxectos europeos: FutureFacing (Erasmus+), Mates (Erasmus+) e Maingap (POCTEP), que pon agora a disposición dos centros de Formación Profesional de Galicia.