Esta semana a empresa galega ODS Protein dedicada á produción de proteínas alternativas a través dun proceso tecnolóxico innovador fixo un pitch na reunión do grupo sectorial Agri-Food da Enterprise Europe Network (EEN) ante un centenar de expertos en transferencia de tecnoloxía europeos. ODS Protein é unha das 9 pemes seleccionadas tras 3 sesións de pitching do grupo sectorial Agri-Food nas que participaron 26 pemes innovadoras de Europa. As sesións de pitching son prácticas empresariais a través das cales unha empresa ten só 5 minutos para presentar o seu produto, servizo ou idea a un cliente potencial co fin de espertar o interese do interlocutor e persuadilo a investir no seu plan ou mercar o produto que vende. Nas sesións organizadas polo grupo Agri-Food, pemes innovadoras das distintas rexións presentaron os seus perfís para que, posteriormente, os expertos de EEN que forman parte do grupo intenten buscar posibles socios estratéxicos entre os seus clientes locais.

 

A EEN é a rede máis grande de puntos de contacto que proporcionan información e asesoramento ás pemes para axudarlle a ser máis competitivas desenvolvendo a súa capacidade innovadora e accedendo a novos mercados.

 

A industria agroalimentaria é o sector manufacturero máis grande e complexo de Europa no que a innovación xoga un papel fundamental na mellora da competitividade das pemes. Dado que se trata dun dos sectores clave en Galicia, que inclúe un gran número de pemes con perfís e áreas de negocio moi diferentes, en 2010 o CIS Tecnoloxía e Deseño pasou a formar parte do grupo sectorial Agri-Food da EEN. Actualmente, este grupo de traballo conta cun centenar de entidades que ofrecen servizos e asesoramento experto ás pemes da súa rexión co obxectivo de impulsar a súa innovación a través da cooperación.

Grazas á nosa participación no grupo sectorial Agri-Food, podemos ofrecerche os seguintes servizos:

Buscamos socios de cooperación

Promovemos as túas tecnoloxías innovadoras a través da nosa ampla base de datos de perfís tecnolóxicos

Buscamos solucións tecnolóxicas innovadoras para complementar o desenvolvemento do teu produto

Melloramos as perspectivas de comercialización dos teus produtos innovadores a nivel internacional

Organizamos encontros B2B con potenciais socios en feiras agroalimentarias

Organizamos visitas de socios potenciais nos países da EEN

Asesoramosche en asuntos da UE

Comunicamos os teus intereses e preocupacións sobre as políticas da UE aos responsables políticos da UE

Informamos sobre as oportunidades de financiamento a través dos programas de investigación da UE

Informamos sobre as leis e normativas que afectan á industria agroalimentaria noutros países da rede

Información e contacto: galactea.gain@xunta.gal / 981 337 146

En 2022/23 máis de 150 pemes galegas fixeron uso dalgún dos servizos da EEN que ofrecemos desde a Axencia Galega de Innovación.