Máis de 200 profesionais, estudantes e representantes de pemes e doutras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de competitividade participaron hoxe no VII Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial. O evento, organizado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), conmemora o Día Internacional do Deseño, que se celebra este sábado 27 de abril.

O encontro, que chega á súa sétima edición co obxectivo de abrir canles de contacto e colaboración entre profesionais do deseño e empresas galegas, tivo lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño. Nesta ocasión púxose o foco na relación que existe entre o deseño, a tecnoloxía e o impacto económico, en liña coas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA da Xunta de Galicia, no marco do cal se celebrou o evento.

Uqui Permui e os fundadores do estudio Costa, Dani Bembibre e David Silvosa, todos eles gañadores na última edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño nas categorías de profesionais e empresas, exploraron o propósito do deseño e a súa capacidade para xerar desenvolvemento social e económico.

A deseñadora de produto dixital Carmen Bouza sinalou a importancia de asumir que a innovación é incómoda pola nosa resistencia natural ao cambio e defendeu a arte de divagar como forma de pensar diferente para poder innovar.

A ligazón de deseño e tecnoloxía ao servizo da experiencia de usuario foi obxecto de análise por parte de Rosa Seoane, de Abanca, que expuxo que na entidade bancaria buscan conseguir a mellor experiencia para o cliente a través das solucións tecnolóxicas máis innovadoras.

Javier Cañada, de Instituto Tramontana e Visual MS –empresa finalista na categoría de pemes innovadoras dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023–, asegurou que o deseño dixital contén todas as outras formas de deseño: ambiental como o de espazos, tanxible como o industrial, simbólico como o gráfico, de identidade persoal como o de moda.

Premio Despunte

O encontro contou tamén cun espazo expositivo no que se puido coñecer de cerca o proxecto gañador do Premio Despunte 2024 ao Mellor Traballo Fin de Estudos do Grao en Deseño de Produto. O galardón, patrocinado por Gain, foille outorgado á estudante Irene Bazo pola Escola Superior de Deseño Mestre Mateo como recoñecemento ao seu proxecto de adaptación de accesorios de cociña para persoas con problemas de baixa visión.

A liña de utensilios deseñada baixo a marca Cocotex –que inclúe pratos, unha pinza-espátula, unha táboa de cortar e un adaptador de luz para potas– busca proporcionar solucións accesibles e funcionais para mellorar a vida das persoas con baixa visión, así como dar visibilidade a este tipo de discapacidades.

Fonte: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/001157/xunta-celebra-dia-internacional-del-diseno-con-encuentro-para-analizar-impacto