O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe na súa visita en Ferrol ao CIS Tecnoloxía e Deseño con motivo do seu 25 aniversario o gran labor deste centro facilitando a transferencia de coñecemento e de tecnoloxía cara á industria e ás pemes galegas, especialmente de sectores como o naval.

O CIS conta con 7 proxectos europeos en vigor e 11 finalizados, que supoñen un orzamento total de 11,5 millóns de euros, e a colaboración de case 50 socios de 8 países. Na visita de hoxe, o conselleiro tivo ocasión de coñecer polo miúdo dous deses proxectos: Maingap, centrado no sector da automoción e o aeronáutico, e Manufactur 4.0, no sector naval.

Este último proxecto, sumado ao dos xemelgos dixitais que desenvolve Navantia, fan actualmente do CIS en Ferrol un centro de investigación e experimentación da tecnoloxía dixital ligada á industria naval. Ademais, segundo apuntou Conde, proximamente Siemens instalará alí o seu Centro de Excelencia do Naval (Cesena), que vai permitir “incorporar ese coñecemento, esa experiencia, e a excelencia e o traballo dunha empresa como Siemens no eido da dixitalización traballando conxuntamente tamén con Navantia”. Neste eido, Conde sinalou a “ambición de que o CIS sexa o verdadeiro centro de referencia desde o punto de vista do naval, e siga contribuíndo aos obxectivos de mellorar a competitividade deste sector”.