O alumnado gañador da V edición das Olimpíadas de Seguridade Vial do Concello de Narón visitou hoxe 17 de abril o CIS Tecnoloxía e Deseño.

Case 60 estudantes de quinto de primaria dos centros CEIP de Piñeiros, CEIP Ponte de Xubia e CPR Jorge Juan gozaron dunha mañá chea de Ciencia a Tecnoloxía como premio a súa labor nas olimpíadas acompañados polo seu profesorado e por José Oreona, concelleiro de Seguridade Cidadá, SPEIS e Patrimonio e Bens Inmobles e os axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Vial do Concello

A xornada comezou cun show científico de David Ballesteros, que baixo o título “A Ciencia de Harry Potter“ realizou experimentos espectaculares e analizou dende a óptica da ciencia a viabilidade no mundo real do universo literario de Harry Potter.

Unha vez finalizado o show, os nenos e nenas asistiron a dúas actividades que se desenvolveron de xeito simultáneo: o Taller de luz negra “Explorando a luz” e un Reto STEAM.  No taller o alumnado explorou as propiedades da luz e a súa relación cas expresións artísticas, creando arte de carácter científico mentres se traballa baixo luz ultravioleta. O Reto STEAM estivo centrado no deseño e construción de un sistema de descenso para conseguir o máximo de tempo posible de percorrido cunha pelota dentro da estrutura construida polo alumnado.

Dende o CIS Tecnoloxía e Deseño esperamos que a alumndo naronés sacara proveito da experiencia aprendendo dunha forma divertida.