
- This event has passed.
Workshop online “Materiais para o contract”. Ciclo “Materiais para o futuro”
22/10/2020 10:30h. - 17:00h.
O ciclo “Materiais para o futuro” do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia continúa o 22 de outubro coa presentación de novos materiais desenvolvidos en Galicia especificamente para o sector contract.
Este será o segundo workshop do ciclo organizado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de innovación (GAIN), no marco da Materioteca de Galicia co fin de explorar as oportunidades de futuro que ofrecen os novos materiais para a innovación empresarial mediante o deseño.
Durante a xornada, GAIN presentará o Certame de Materiais Innovadores de Galicia, que celebra este ano a súa primeira edición co obxectivo de identificar e promocionar os materiais máis novidosos desenvolvidos recentemente por empresas e centros de coñecemento galegos.
Este workshop permitirá coñecer as características e aplicacións de varios materiais innovadores deseñados para o contract, é dicir, aqueles que polas súas propiedades son especialmente axeitados para o seu uso en arquitectura, mobiliario e decoración.
Dous centros de coñecemento e dúas empresas presentarán materiais innovadores creados en Galicia para o contract: o Centro Tecnolóxico de Automoción (CTAG), o Grupo de Construción da Universidade da Coruña (UDC) e Vertifil e Extraco. Ademais, desde o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) serán expostas as liñas de apoio da Xunta para este sector.
Para completar esta visión dende unha óptica máis ampla, a empresa Materially expoñerá unha selección a nivel internacional de materiais innovadores para o contract, acompañada de exemplos de aplicacións e vídeos de demostración.