O pasado xoves 15 de decembro, 51 alumnos de Bacharelato do IES Moncho Valcarce de As Pontes de García Rodríguez puxeron o punto e seguido ás actividades de fomento de vocacións durante o ano 2022 desenvolvidas no CIS TEcnoloxía e Deseño.

Os alumnos ponteses asistiron a dúas actividades DTec:  En primeiro lugar ao Obradoiro “OS MUNDOS VIRTUAIS”,  que ten como  finalidade achegar á mocidade tanto a actividade que desenvolve o CIS Tecnoloxía e Deseño así como aproximalos á creación de contidos en AR e VR; e un segundo obradoiro “DESCUBRINDO OS NOVOS MATERIAIS” a través do que o alumnado mergullouse no mundo dos novos materiais, descubrindo un campo de coñecemento de investigación que ten unha grande importancia pero é un descoñecido para gran parte da poboación.

Estes dous últimos obradoiros serviron para cerrar un ano 2022 no que se organizaron 48 talleres DTec no CIS Tecnoloxía e Deseño nos que participaron 555 alumnos de 15 centros educativos galegos.

Programa EduTecEmprende

Dende 2020 o CIS Tecnoloxía e Deseño colabora coa Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades no programa EduTecEmprende. Este programa ten por obxecto motivar e sensibilizar o alumnado no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega ás áreas STEM.

A través desta iniciativa, un total de 125 estudantes de educación secundaria e de formación profesional de 6 centros educativos galegos visitaron o CIS Tecnoloxía e Deseño  de forma presencial en 2022. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos e as liñas de traballo do centro, así como as tecnoloxías e o equipamento cos que se desenvolven as aplicacións.

Fomento das Vocacións Científico-Tecnolóxicas no 2023

No ano 2023 o CIS Tecnoloxía e Deseño vai ampliar a súa oferta de actividades no marco do programa D’tec. Ademais de organizar talleres e espectáculos para estudantes, levaranse a cabo diversas sesións de cine científico dirixido ás familias e campamentos científicos no verán e no Nadal. O centro tamén participará na nova convocatoria de EdutecEmprende.