O pasado 21 de decembro, as empresas Koffi Games, Tagen Ata así como o CIS Tecnoloxía e Deseño participaron nunha actividade divulgativa no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, sobre a orientación profesional para o sector da industria dixital.

Durante esta sesión, tras unha breve exposición de cada entidade e a súa evolución no ámbito dixital, abriuse un longo período de preguntas por parte do alumnado, que encheu o salón de actos do centro educativo.

Durante o debate tratáronse os perfís laborais precisos no desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual e aumentada, videoxogos e aplicacións formativas en xeral, así como aspectos tecnolóxicos da súa creación. Tamén sobre o emprendemento, o asociacionismo e as diferentes vantaxes e inconvenientes do que poden supoñer as iniciativas de emprendemento e autoemprego.

No marco desta liña de orientación e formación, o CIS Tecnoloxía e Deseño leva anos acollendo a estudantes dos centros de Formación Profesional de Galicia nas súas prácticas de Formación Laboral, fundamentalmente na súa área de Industria Dixital.

Esta iniciativa, que partiu da asociación Koffi Games, promotora do emprendemento no sector dos videoxogos indie, obtivo moi boas valoracións entre alumnado e profesorado, considerándoa moi inspiradora para a promoción de novas vocacións nun sector en auxe.