DATA: 19 de novembro de 2025.
Lugar: CIS GALICIA. A Cabana s/n. 15590 Ferrol.
NIVEL EDUCATIVO: Educación Secundaria Obrigatoria | Bacharelato | Formación Profesional.
Horario: 10:30 – 13:00 h.
Prazas: 120 estudantes.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, organiza o espectáculo Explorando a enerxía, unha experiencia educativa que combina ciencia, tecnoloxía e diversión, para descubrir a importancia da enerxía dun xeito práctico, sorprendente e inspirador.
Esta actividade divídese en dúas partes: unha Escape Room grupal, que convida a aprender xogando, e un Show científico sobre a enerxía, cheo de experimentos espectaculares.
O obxectivo é achegar ao alumnado ao papel esencial da enerxía, á súa xeración e transformación, e á importancia das fontes renovables para o futuro de Galicia e do planeta.
Escape Room. O gran xerador
As Escape Rooms son unha das dinámicas de aprendizaxe máis motivadoras. Adaptamos este formato para que o alumnado participe en grupos desde as súas butacas, vivindo unha experiencia de cooperación, resolución de enigmas e descubrimento científico.
O punto de partida: un científico ocultou nunha caixa de seguridade un prototipo clave para mellorar a tecnoloxía eólica. Para atopalo, os grupos deberán superar retos, resolver enigmas e descodificar mensaxes coa axuda dun chatbot en liña, avanzando paso a paso mentres exploran conceptos relacionados coa xeración de enerxías verdes.
Para participar recoméndase que o alumnado leve dispositivos móbiles. Se non é posible, facilitaranse tabletas para garantir a participación de todos.
Show científico
Un percorrido dinámico e visual polo fascinante mundo da enerxía. Durante o show realizaremos experimentos espectaculares con xeradores Van de Graaff e bobinas Tesla, permitindo ver de preto fenómenos eléctricos sorprendentes.
Contidos principais
- Que é a enerxía? Experiencias de conservación, transferencia e combustión para comprender o que chamamos enerxía e as súas propiedades básicas.
- Enerxía eléctrica. Demostracións con xerador Van de Graaff e bobina Tesla para visualizar descargas. Introdución aos materiais condutores e illantes, á estrutura da materia e á Lei de Ohm (intensidade, voltaxe e resistencia).
- Como xeramos electricidade? Tecnoloxías que transforman o movemento en electricidade mediante indución magnética. Exemplo de fontes non renovables (nuclear, térmica) e renovables (solar, eólica e xeotérmica).
- Hidróxeno verde. Xeración de hidróxeno por electrólise, explicando o seu potencial como combustible limpo cando se produce a partir de enerxía eólica ou solar.
- Tecnoloxías emerxentes. Sistemas piezoeléctricos, que producen electricidade ao aplicar presión, e placas Peltier, que transforman diferenzas de temperatura en corrente eléctrica.
- Fakes enerxéticas. Análise crítica e desmontaxe de mitos e falsas tecnoloxías que circulan nas redes sociais e contradín os principios básicos da física.
- Galicia e as renovables. Reflexión final sobre o papel de Galicia como referente en enerxía eólica e o potencial das renovables como fonte de riqueza e innovación.



