Industria Dixital
Estamos comprometidos coa Industria Dixital e a aplicación das súas tecnoloxías no tecido industrial galego. Utilizamos todos os recursos ao noso alcance —propios e externos— para fomentar unha mellora continua na cadea de valor das empresas. Con ese obxectivo, facemos de ponte entre a investigación e o mercado desenvolvendo demostradores de Realidade Virtual e Aumentada para a mellora de tarefas de deseño, comerciais e de mantemento, entre outras.
Deseño
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA é a aposta pola innovación e o deseño estratéxico para a transformación social e económica de Galicia dende un enfoque sustentable, atendendo á capacidade dos procesos creativos e do deseño como axentes de cambio.
Novos Materiais
A Materioteca de Galicia é un espazo de difusión de materiais innovadores que combina unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados ao obxecto de facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e para estimular a innovación intersectorial.
Vixilancia Tecnolóxica
Solucións de Vixilancia e Intelixencia Competitiva para facer fronte aos novos retos competitivos aos que se enfrontan as empresas actuais.
Transferencia de Tecnoloxía
Como membro da rede europea Enterprise Europe Network apoiamos a transferencia tecnolóxica mediante iniciativas e estratexias conxuntas cos axentes sectoriais e centros de coñecementos galegos, promovendo e coordinando accións que aceleren a transferencia de tecnoloxías facilitadoras ás empresas, especialmente Pemes y Micropemes. A Axencia Galega de Innovación participa nesta rede a través de Galactea-Plus, consorcio que da cobertura ao noroeste de España.