Ana Ares Pernas, acompañada polo director científico do Centro de Investigación do Campus Armando Yáñez, a responsable de internacionalización do Campus Industrial de Ferrol, Ivanna Fernández, e de Pablo Fariñas da Unidade Mixta de Investigación Universidade de A Coruña-Navantia , visitou hoxe o noso centro para coñecer as súas principais áreas de coñecemento e actividades desenvolvidas.
Durante a visita, na que participaron a directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño Fontenla, e un grupo de técnicos que desenvolveron as principais tecnoloxías expostas, os representantes do Campus Industrial de Ferrol puideron descubrir, entre outros, diferentes dispositivos de realidade virtual; a Cave (entorno inmersivo) e proxectos desenvolvidos con esta tecnoloxía e experimentar de primeira man con lentes de realidade aumentada e realidade virtual as simulacións realizadas polo CIS Tecnoloxía e Deseño para o mantemento dunha incineradora de residuos, para visualizar o mantemento dun compresor de aire ou para experimentar de forma virtual un proceso de pintura e/ou vernizado con pistola.
A continuación, puideron visitar a Materioteca de Galicia para analizar as funcionalidades dos distintos materiais que alberga.
A visita enmárcase nun plan de difusión e divulgación dos diferentes coñecementos e actividades que o CIS Tecnoloxia e Deseño desenvolve co obxectivo de establecer futuras colaboracións cos axentes de innovación máis destacados. Agardamos que esta visita xere novos puntos de encontro co Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña.