A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, organiza novas actividades educativas e de comunicación científica ligadas á enerxía, orientadas a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía.
O CIS Galicia, como centro adscrito á Consellería de Economía e Industria a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, é o lugar elexido para desenvolver estas novas actividades.
TALLERES “DESCUBRINDO A ELECTRICIDADE E “DESCUBRINDO A ENERXÍA – EDUCACIÓN PRIMARIA
DATAS: 5 de novembro | 7 de novembro | 10 de novembro | 11 de novembro de 2025.
NIVEL EDUCATIVO: 5º – 6º Educación Primaria.
Nesta actividade organizamos unha mañá dedicada a descubrir o mundo da electricidade e a enerxía. O alumnado achegarase aos fundamentos da electricidade a través da práctica. Identificarán materiais condutores e illantes, construirán circuítos sinxelos con plastilina condutiva e experimentarán con diferentes formas de iluminación e movemento. Ademais os estudantes introduciranse no concepto de enerxía e nas súas transformacións mediante experiencias sinxelas e dinámicas, como a xeración de electricidade cunha dínamo, con froitas ou cun panel solar. Ademais, reflexionarán sobre as diferenzas entre fontes renovables e non renovables a través dun xogo interactivo e descubrirán o potencial de Galicia como referente en enerxías verdes.
TALLERES “MUNDOS ELÉCTRICOS” e “DESCUBRINDO AS ENERXÍAS RENOVABLES” – EDUCACIÓN SECUNDARIA
DATAS: 17 de novembro | 18 de novembro | 24 de novembro | 25 de novembro de 2025.
NIVEL EDUCATIVO: 1º – 4º Educación Secundaria Obrigatoria.
Nesta actividade propoñemos unha mañá dedicada a experimentar e reflexionar arredor da enerxía, a súa xeración, usos e impacto no noso día a día. Os participantes mergullaranse nos conceptos fundamentais ligados á electricidade: carga, corrente, tensión, resistencia e potencia. A través de experiencias prácticas con xeradores, materiais condutores e illantes, comprobarán as propiedades da electricidade e aprenderán a construír circuítos sinxelos e combinados. Introducirase ao alumnado no concepto de enerxía e nas súas diferentes fontes, reflexionando sobre as vantaxes e limitacións das fósiles fronte ás renovables. Analizarase o papel de Galicia na produción enerxética, especialmente na eólica, destacando o seu potencial. A través de experimentos, construirán un circuíto alimentado con placas solares e un coche a escala movido por unha célula de hidróxeno. Finalmente, os estudantes deberán crear un xoguete iluminado cun sistema de xeración eólica, probando os seus deseños con ventiladores.
ESPECTÁCULO EXPLORANDO A ENERXÍA
DATA: 19 de novembro de 2025.
NIVEL EDUCATIVO: Educación Secundaria Obrigatoria | Bacharelato | Formación Profesional.
Este espectáculo é unha experiencia educativa que combina ciencia, tecnoloxía e diversión, para descubrir a importancia da enerxía dun xeito práctico, sorprendente e inspirador. Esta actividade divídese en dúas partes: unha Escape Room grupal, que convida a aprender xogando, e un Show científico sobre a enerxía, cheo de experimentos espectaculares.



