16 alumnos do  Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial do Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago visitaron o pasado venres 25 de marzo o CIS Tecnoloxía e Deseño, continuando o ciclo de visitas do programa EduTecEmprende no ano 2022.

Durante a visita,  coñeceron o noso centro e as sús principais áreas de coñecemento e actividade;  visitaron a Materioteca de Galicia e testaron diferentes aplicación no showroom e na sala de demostradores.

No showroom o alumnado puido experimentar en primeira persoa con distintos dispositivos de realidade virtual (HTC Vive, Oculus…)  ou con dispositivos móbiles de realidade aumentada orientados a mantemento de equipos industriais.  Coñeceron tamén  a CAVE,  o entorno inmersivo formado por catro pantallas de grandes dimensións e a continuación visitaron os demostradores:   gafas de realidade aumentada Magic Leap para visualizar o mantemento dun incinerador de residuos; gafas de realidade aumentada Hololens para visualizar o mantemento dun compresor de aire e gafas de realidade virtual HTC Vive Pro para experimentar cun proceso de pintura e vernizado con pistola.

Durante este mes de marzo,  tamén nos visitaron 20 alumnos de 1º e 2º do Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos en rede do Instituto de Educación Secundaria Lois Peña Novo de Vilalba,  visita enmarcada tamén  no programa EduTecEmprende da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Este programa ten por obxecto motivar e sensibilizar o alumnado de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como promover a súa achega ás áreas STEM. Con esta convocatoria, o alumnado dos  centros educativos que foron seleccionados terá a oportunidade de coñecer de primeira man os proxectos e as liñas de traballo actuais do CIS Tecnoloxía e Deseño, así como as tecnoloxías e equipamento cos que se veñen desenvolvendo as aplicación.