Durante este mes de outubro, catro estudantes do Centro Integral de Formación Profesional Rodolfo Ucha de Ferrol realizan o módulo de prácticas de Formación Laboral no CIS Tecnoloxía e Deseño co que rematarán a súa formación regrada.
Dous destes estudantes estiveron formandose no ciclo de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma (DAM). Dous estudantes máis, pertencentes á especialidade de Programación en Linguaxes Estruturadas de Aplicacións de Xestión, tamén iniciaron a súa carreira no ámbito laboral.
Na área de Industria Dixital do CIS Tecnoloxía e Deseño estarán en contacto con proxectos relacionados coa xeración de aplicacións de Realidade Virtual e Avanzada, Modelado 3D, Integración e Programación, entre outros, coa colaboración dun titor do centro educativo e un titor do noso centro, que coordinarán os seus programas formativos para a súa futura integración nun ámbito laboral.
Dende o CIS Tecnoloxía e Deseño agardamos que a estancia do alumnado sexa beneficiosa para o seu currículo educativo e laboral, agradecemos o seu desempeño no noso centro e contamos con abrir un camiño que nos permita recibir novos alumnos de Formación Profesional que enriquezan a colaboración entre centros de traballo e formativos da comunidade.