A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou no CIS Tecnoloxía e Deseño nas actividades incluídas na programación da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night, un evento de divulgación científica que se fai eco da Noite Europea das Persoas investigadoras que se celebra de forma simultánea en cidade de toda Europa o último venres de setembro.
A delegada territorial, xunto coa directora da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, compartiron a mañá con alumnos do CEIP Plurilingüe Centieiras (Fene), IES Ortigueira, CPI As Mirandas (Ares), IES Virxe do Mar (Noia), IES María Casares (Oleiros) e IES David Buján (Cambre), que participaron nos talleres Slim Lab e Exploradores virtuais; no espectáculo Explorando o futuro inmediato, e en experiencias realidade virtual e aumentada, onde tiveron a ocasión de manipular e descubrir novas tecnoloxías vinculadas ao mundo dixital.
“É unha forma lúdica e amena de achegar o traballo das investigadoras e investigadores galegos e as súas repercusións na vida cotiá ás persoas a través de experimentos, talleres ou demostracións”, indicou a delegada territorial, quen tamén destacou a contribución destas propostas “ao fomento das vocacións STEM entre os escolares”.
A xornada completouse cunha actividade de portas abertas pola tarde, onde aqueles interesados acercáronse ao CIS Tecnoloxía e Deseño para coñecer de primeira man algunha das tecnoloxías e demostradores desenvoltos no centro.
A Noite Galega das Persoas Investigadoras, que conta co apoio da Xunta de Galicia, celébrase nas sete cidades galegas, está coordinada pola Universidade de Vigo e nela participan as tres universidades da comunidade, varias institucións e centros.