Técnicos da compañía onubense SEABERY, creadora do simulador de soldadura Soldamatic, visitaron o pasado 12 de outubro as instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño para coñecer de primeira man as solucións tecnolóxicas desenvolvidas nos últimos anos.
Durante a visita puideron probar os simuladores de pintura e vernizado Airless que o CIS desenvolveu como parte da súa participación nos proxectos Erasmus + FutureFacing e Erasmus + MATES co CEIFP de Someso
Ambos os simuladores, baseados en ferramentas de realidade virtual e aumentada, estanse a dar a coñecer ao longo deste curso a aqueles centros de Formación Profesional de Galicia que mostraron interese, sendo nalgúns casos utilizados como parte do contido de formación e prácticas de diversas especialidades en madeira e metal.
Por outra banda, Seabery, que conta cunha ferramenta de soldadura baseada tamén na realidade virtual, e que está a ter un amplo recoñecemento no sector, prepara o desenvolvemento de novos simuladores sobre os que propón posibles colaboracións co CIS Tecnoloxía e Deseño, dada a súa experiencia no desenvolvemento de solucións de simulación e pintura.
Completando a carteira de solucións de pintura, o CIS Tecnoloxía e Deseño está a desenvolver actualmente un simulador de pintura de vehículos, tamén destinado a centros de Formación Profesional de Galicia, dentro do proxecto INTERREG MAINGAP, coordinado polo CTAG – Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia.