A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na xornada en liña de peche do proxecto europeo Manufactur 4.0, que lidera a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do CIS Tecnoloxía e Deseño e que está financiado a través de fondos Feder do programa Interreg VA España-Portugal 2014-2020 (POCTEP).
O obxectivo deste proxecto é transferir de xeito efectivo as novas tecnoloxías de fabricación avanzada e baixo custe á industria do sector naval e metalmecánico.

A directora de Gain explicou que esta iniciativa acadou un efecto incentivador da implantación das tecnoloxías 4.0 na industria naval e metalmecánica da Eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal grazas á intensificación das relacións entre os centros tecnolóxicos e as empresas. Concretamente, desenvolvéronse sete proxectos piloto demostradores en dez empresas da Eurorrexión para validar a transferibilidade dos resultados do proxecto cara a industria.

Ao longo da xornada presentáronse os resultados do proxecto europeo e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya Fernández, expuxo a experiencia práctica da Unidade Mixta de Investigación promovida por Navantia e a Universidade da Coruña, co apoio da Xunta de Galicia, en torno ao Estaleiro do Futuro.

En canto á presentación dos resultados acadados polas entidades socias, explicouse o deseño, validación e tecnoloxías desenvolvidas no proxecto para impulsar ao sector naval e metalúrxico, os perfís profesionais necesarios e contidos formativos elaborados sobre as tecnoloxías impulsadas no marco do proxecto, así como as misións tecnolóxicas directas e inversas para compartir o coñecemento e coñecer outras boas prácticas fóra da Eurorrexión.

No proxecto participaron seis socios de Galicia e Norte de Portugal: Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM), Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência (INESC TEC) e a Agência Nacional de Inovação (ANI) –procedentes de Portugal- e a Axencia Galega de Innovación (Gain), a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste (Aimen) e a Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga) –pola parte galega-.