Aplicación virtual sobre a Construción Naval no Século XVIII

Aplicación de Realidade Virtual na que se simula a construcción dun buque do século XVIII nos arsenais de Ferrol

Dentro do fondo museístico de EXPONAV (Museo da Construción Naval de Ferrol ) resaltan polo seu valor histórico os restos da fragata María Magdalena, construída en Ferrol no século XVIII e afundida en 1810 nas augas de Viveiro, e da que EXPONAV posúe diversos restos, entre os que sobresaen parte da proa e máis da popa do buque.

Esta foi a razón pola que, como primeira actuación dentro do marco de colaboración establecido entre o CIS Tecnoloxía e Deseño e EXPONAV, se desenvolvera unha aplicación de realidade virtual que tenta facilitar o entendemento de cómo era a construción naval do século XVIII na zona de Ferrol, a máis avanzada da época en España.

Na aplicación de realidade virtual simúlase a construción completa dunha fragata da época, dende a posta da quilla na grada ata a súa partida do peirao cara a súa primeira travesía.
Combínanse nela a reprodución automática da aplicación, ao estilo dun vídeo 3D, coa inmersión total do espectador no mundo representado. Desenvolveuse para dispositivos Android e gafas Cardboard.

Este desenvolvemento fíxose en base aos datos existentes sobre as técnicas construtivas daqueles tempos no estaleiro de Ferrol e sobre a fragata Mª Magdalena e buques similares construídos nos estaleiros de Esteiro no século XVIII.

A aplicación está dispoñible na Google Play co fin de que os visitantes do museo amplíen e reforcen os coñecementos adquiridos sobre a materia cos outros recursos que o museo pon a súa disposición, e permite ademáis que os visitantes leven consigo á aplicación nos seus dispositivos móbiles.

Empresa:
EXPONAV – Museo da Construcción Naval