Simulador virtual de pintura en automoción

SIMULADOR VIRTUAL DO PROCESO DE PINTURA DE PEZAS DE CARROCERÍA PARA PROFESIONAIS

Ao abeiro do proxecto MAINGAP, financiado polo programa POCTEP, e coa colaboración do CIFP Ferrolterra, desenvolveuse un simulador virtual de pintura de pezas de automoción orientado á Formación Profesional.

O uso da Realidade Virtual para a aprendizaxe dunha habilidade manual permite non só o aforro de consumibles, entre pezas e produtos, senón que tamén un aforro en tempos de preparación e limpeza posterior. Ademais, resulta mais beneficioso para o medio ambiente e a saúde do operador, xa que non hai residuos nin vapores.

Co uso da Realidade Virtual obtense un rexistro dixital das accións do alumno, o que non só obxectiva o proceso senón que tamén permite unha revisión posterior e a comprobación do progreso do alumno na súa aprendizaxe. Debe terse en conta que isto, ademais, posibilita o desacoplamento entre os tempos do alumno e do profesor.

A correcta aplicación de pintura co proceso de pistola aerográfica proporciona beneficios non só na calidade de acabado das pezas, senón tamén na eficacia do proceso aproveitando ao máximo o produto.

Coa simulación obtéñense dos grandes grupos de resultados, o primeiro ten que ver coa calidade de execución por parte do alumno e o segundo co resultado de aplicación sobre a peza.

Este simulador é unha evolución do simulador de vernizado, permitíndose agora a aplicación sobre pezas tridimensionais reais dun automóbil, e mesmo sobre pezas proporcionadas polo usuario en forma de arquivos 3D.

O Simulador de Pintura de Automóbil foi do interese de varios docentes do ciclo de Automoción, xa que está pensado para unha implantación a baixo custe, utilizando pouco mais que un equipo de RV estándar e algunhas pezas impresas, e está a disposición dos Centros de FP que o requiran.

Entidade:
PROXECTO MAINGAP – POCTEP