A biblioteca deste centro, adicada ó escritor Agustín Fernández Paz, foi incluída no Plan Lia 2 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola súa excelente xestión, para a mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades investigadoras e de uso da información.

No mes de marzo entregouse a primeira parte deste proxecto de realidade aumentada, consistente nunha aplicación coa que as portadas dalgúns dos libros de Agustín Fernández Paz parecían tomar vida, e mostraban ao usuario parte das tramas que ían atopar no libro.

Neste mes de xullo entregouse a segunda parte do proxecto, no cal un avatar 3D a escala 1:1 que representa ao propio autor introdúcenos tanto na súa persoa como na súa obra, todo iso ao apuntar cun dispositivo móbil a unha serie de marcadores distribuídos pola biblioteca que leva o seu nome.

No marcador da entrada da biblioteca fálanos de si mesmo e no resto de marcadores vai describindo o que a biblioteca ofrece aos seus usuarios, mesturándoo con detalles da súa propia vida e da súa terra.

Un alumno do centro educativo prestou a súa voz ao avatar de Agustín Fernández Paz nesta segunda aplicación de realidade aumentada.