Dous alumnos do Centro Integrado de Formación Profesional Rodolfo Ucha de Ferrol, da especialidade de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma, realizou as súas prácticas formativas en Centros de Traballo do noso centro.

Durante as súas prácticas, realizadas durante un total de 384 horas na área Industrial Dixital do CIS Tecnoloxía e Deseño, deseñouse un itinerario formativo para completar os coñecementos adquiridos por estes dous estudantes durante a súa formación regrada, co obxectivo de colaborar  cos técnicos do centro nos proxectos que se estaban a desenvolver nese momento.

Esta formación comezou cun obradoiro de deseño 3D con 3DStudo Max, no que aprenderon a modelar e texturizar os obxectos que despois pasarían a formar parte dunha simulación de realidade virtual, e continuou cunha serie de sesións sobre o uso do motor gráfico Unity.

Tras a etapa formativa, integráronse no grupo de traballo do CIS que está a desenvolver unha serie de simuladores de formación en realidade virtual para os centros de Formación Profesional co fin de poder aplicar os coñecementos adquiridos de forma práctica. Esta nova etapa comezou co modelado do equipamento e do taller onde se desenvolverá, co apoio do CIFP Someso da Coruña, un simulador de Prevención de Riscos Laborais que replicará un proceso de soldadura e outro de perforación de pezas metálicas, destacando no medidas de prevención precisas en cada caso.

Dende o CIS Tecnoloxía e Deseño agardamos que a estadía durante estes dous meses de ambos os dous alumnos fose beneficiosa para os seus currículos formativos e laborais, agradecéndolles a súa colaboración e un desempeño tan positivo.

Seguiremos con interese a súa traxectoria, esperando que en breve poidan integrarse en entidades nas que aplicar os coñecementos e habilidades técnicas adquiridas.

O CIS Tecnoloxía e Deseño continúa así o seu camiño de transferencia de coñecementos tecnolóxicos ao alumnado de Formación Profesional, coa esperanza de recibir novos alumnos en vindeiras edicións.