O pasado venres 14 de xuño remataron o período de prácticas formativas cinco estudantes que compartiron os seus coñecementos e habilidades co equipo do CIS Tecnoloxía e Deseño. Trátase de Alexia Caride, Marcos Moscoso e Guillermo Ladero do ciclo de Animacións 3D, xogos e contornos interactivos do CIFP Imaxe e Son da Coruña e Lucía Boado e Milena Rey do ciclo de Marketing e Publicidade do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol.

No caso de Alexia, Marcos e Guillermo colaboraron co equipo de industria dixital do CIS Tecnoloxía e Deseño no desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual e realidade aumentada relacionadas co sector da automoción. Ao longo destas semanas, avanzaron na súa formación e puxeron en práctica os coñecementos adquiridos nos seus estudos, máis concretamente en deseño 3D, edición de imaxes 2D e integración de contidos en Unity 3D. Para iso utilizaron gafas de realidade mixta: Hololens 2, Magic Leap 2 y Meta Quest 3.

Pola súa banda, Lucía e Milena colaboraron cos técnicos de formación e comunicación na actualización da web do CIS, tanto a nivel de imaxe (fotografía, maquetación, deseño) como de contidos para aumentar o seu atractivo e navegabilidade; tamén deseñaron elementos para difundir as actividades do centro como catálogos, folletos, trípticos ou correos electrónicos corporativos, ademais de facer propostas para redeseñar os espazos físicos do centro. Participaron asimesmo na adaptación e control de elementos de merchandising.

Dende CIS Tecnoloxía e Deseño agradecemos tanto ao CIFP Imaxe e Son como ao CIFP Rodolfo Ucha e por suposto a Alexia, Marcos, Guillermo, Lucía e Milena a súa colaboración, coñecemento e actitude durante estas semanas.  Agardamos que a súa estancia no noso centro fose proveitosa e desexámoslles moito éxito no seu futuro.