O pasado 6 de marzo reuníronse no CIS Tecnoloxía e Deseño, os catro socios do proxecto Poctep “Green Hub”, entre os que se atopa a Axencia Galega de Innovación xunto co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), a Axencia Galega da Industria Forestal – CIS Madeira e o Pólo de Inovaçao em Engenharia de Polímeros (PIEP) de Portugal como Beneficiario principal para facer un seguimento das actuacións emprendidas e concretar a estratexia a seguir nas futuras actuacións definidas polo proxecto.

 

No encontro, os socios do proxecto acordaron elaborar un manifesto para implicar ás empresas líderes de Galicia e Norte de Portugal, para sumarse ás iniciativas que, a través do proxecto GreenHUB promoverán a valorización de diferentes recursos e residuos naturais, industriais e post –consumo da eurorrexión Galicia e Norte de Portugal.

 

O proxecto GreenHUB que conta cun orzamento de máis de 1.120.000 € para o período 2023-2026, promoverá novas dinámicas de cooperación entre empresas e grupos de investigación da Eurorrexión, para impulsar diferentes accións e proxectos que conduzan ao desenvolvemento. de produtos, baseados na valorización de residuos e con baixo impacto ambiental, aplicables a sectores como o automóbil, a aeronáutica, o naval, o téxtil, a alimentación, o moble e a construción.