Simulador virtual de vernizado

Simulador virtual do proceso de vernizado para formación de profesionais

Como parte dun dos obxectivos do proxecto FUTUREfacing, financiado polo programa europeo Erasmus+, estaba previsto o desenvolvemento dun simulador virtual de vernizado orientado á formación profesional que supuxera non só unha vantaxe económica, senón tamén medioambiental: por unha banda, ao significar unha redución dos custos correspondentes tanto aos soportes (madeira, compoñentes, mobiliario) coma aos produtos (vernices, pinturas…) e, pola outra, dende o punto de vista ambiental, dado que se evitarían as emisións dos produtos de acabado, a xestión dos seus residuos e os riscos que implica o seu almacenamento.

Unha vez finalizado o desenvolvemento do simulador virtual de vernizado, constatouse unha mellora na aprendizaxe e na avaliación obxectiva do alumnado de formación profesional, posto que permite analizar exactamente cada parámetro: velocidade, distancia, ángulo etc. Monitorízanse tantos factores como sexa preciso e, en función deles, preséntase a avaliación. Deste xeito, tanto profesor/a como alumno/a poden identificar claramente os erros e avaliar o progreso da aprendizaxe.

Logo de rematado o proxecto, o simulador de vernizado desenvolvido vaise seguir trasladando aos distintos centros de Formación Profesional de Galicia que o requiran como modelo de boas prácticas.

Entidade:
Proxecto FUTUREFacing – ERASMUS+