O grupo naronés INDASA, con máis de 40 anos de presenza nos mercados español e europeo no tratamento e reparación de superficies metálicas e aplicación de pintura, colabora co CIS Tecnoloxía e Deseño na definición e desenvolvemento dun simulador de pintura tipo Airless.

Este simulador, xenerado por medio de realidade virtual, será o segundo de tres que o CIS Tecnoloxía e Deseño está creando con destino aos centros de Formación Profesional de Galicia,  tras realizar un simulador de barnizado de madeira  e previo ao desenvolvemento dun novo simulador de pintado para o sector do automóbil.

Todos eles serán postos a disposición dos centros galegos de FP, e instalados naqueles que o soliciten para enriquecer o seu  currículo formativo.

Na pasada semana, durante a útima reunión de seguimento do proxecto, expertos do equipo de INDASA realizaron as primeiras probas do simulador, que nestes momentos atópase desenvolvido  nun 85 %, manifestando que “reflicte moi ben a actividade que realizamos”

Está previsto finalizar  o simulador neste segundo trimestre do 2021, momento no cal será validado tanto por INDASA como por docentes do CIFP Someso, que o incluirán nas actividades do proxecto ERASMUS+ MATES do que forman parte, garantindo así unha dobre validación empresa-formación profesional.