Dentro do proxecto TWIN NAVAUX, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal POCTEP 2021 – 2027, centrado no fomento do uso do Xemelgo Dixital na Industria Auxiliar Naval de Galicia e Norte de Portugal e que pretende establecer a base tecnolóxica e as condicións de formación do persoal necesario para facilitar a implantación masiva de xemelgos de produtos dixitais, tanto no sector naval como noutros sectores produtivos da Eurorrexión, iníciase a fase de deseño dos tres pilotos de xemelgos dixitais de produtos que permitirán mostrar ás empresas da eurorrexión as capacidades desta tecnoloxía. Tras unha serie de encontros bilaterais entre as empresas fabricantes e os centros de coñecemento participantes no proxecto, establecéronse as bases para o deseño dos tres pilotos que se desenvolverán.

Ademais de poder mostrar estes tres pilotos a todas as empresas da Eurorrexión interesadas no xemelgo dixital  de produto, durante o seu deseño e execución, o consorcio definirá unha folla de ruta que servirá posteriormente para orientar a outras empresas do sector na súa adopción desta tecnoloxía.

Na definición, deseño e desenvolvemento dos proxectos piloto participan as empresas Ibercisa Deck Machinery SA, Industrias Ferri SA e Electro Rayma S.L, así como o grupo de Enxeñaría Integrada da Universidade da Coruña e o Departamento de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade Portucalense – Infante D. Henrique de Porto.

A estes pilotos incorporaránse posteriormente unha serie de aplicacións de realidade aumentada para facilitar as tarefas de mantemento dos equipos e se integrarán nun Metaverso. Isto permitirá, entre outras vantaxes, o traballo colaborativo en tempo real. Esta fase do proxecto, que comezará en xuño, será desenvolvida pola Axencia Galega de Innovación, beneficiario principal do proxecto, xunto ás empresas mencionadas.

No proxecto TWIN NAVAUX, que conta cun orzamento de case 1,4 millóns de euros para un período de 30 meses, ata finais de 2025, participan ademáis das universidades e empresas citadas, o Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM) e  a Asociación Clúster do Naval Gallego (ACLUNAGA). Pódese atopar máis información sobre o proxecto na páxina web: https://www.cistecnoloxiaedeseno.gal/es/proyecto-twin-navaux/