O potencial do ecodeseño para crear solucións innovadoras a partir de materiais sostibles foi o tema central do terceiro workshop do ciclo “Sustentabilidade e circularidade dos materiais”, que tivo lugar o 6 de outubro no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol), sede da Materioteca de Galicia.

Durante a apertura do workshop, a directora de Centros da Axencia Galega de Innovación, María José Mariño, destacou a aposta da Xunta polo ecodeseño con madeira a través das axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, que teñen aberto o seu prazo de solicitude ata o 31 de outubro. Ademais, anunciou que o último workshop deste ciclo terá lugar o 1 de decembro, centrado na fin de vida dos materiais baixo criterios de sostibilidade.

Normativas máis esixentes

Na primeira parte da xornada, que foi retransmitida online, Noemí Cortizas, deseñadora do estudio Ydemaker experta na disciplina CMF (cor, materiais e acabados), destacou que por primeira vez as directivas da UE van forzar a pensar na reciclabilidade e a fin da vida útil dos produtos e envases, polo que o ecodeseño gañará protagonismo no futuro inmediato. Segundo explicou, increméntanse substancialmente as esixencias na porcentaxe de reciclabilidade en todos os materiais utilizados como materia prima (madeira, metal, plástico, papel e outros) e establécese que todos os compoñentes dun residuo, sobre todo no caso dos envases, debe poder ser separado de forma manual polos consumidores para facilitar a reciclaxe.

Pola súa banda, Begoña Jiménez explicou que Timbersoul by Cándido Hermida naceu como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela e da empresa Cándido Hermida para traballar a construción en madeira desde a sostibilidade e a eficiencia enerxética e estrutural. Logo de subliñar o potencial de Galicia para posicionarse como referente no ecodeseño de sistemas de construción de madeira sostibles –con base no seu liderado en España na produción forestal e na existencia dunha industria que cobre toda a cadea de valor do sector–, presentou a viga EcoTimberCell, finalista no I Certame de Materiais Innovadores de Galicia. Este produto responde ao concepto do ecodeseño na construción mediante o uso de madeira de proximidade para xerar sistemas estruturais ecolóxicos que na súa última versión xa se ensambla sen adhesivos.

A parte expositiva rematou coa intervención de Francisco Davila, que explicou que o ecodeseño lle permitiu a Mobalco dar o salto ao mercado internacional. Xa en 2004 idearon o Proxecto Orgánica, pioneiro en economía circular, que tivo que agardar o seu momento porque se adiantou ás necesidades do mercado, pero acabou sendo un éxito. Davila expuxo que as condicións de temperatura e humidade dunha cociña presenta enormes retos aínda por resolver para a aplicación de solucións ecolóxicas coma os vernices á auga, máis sostibles pero menos resistentes. A súa estratexia actual para poder deseñar e producir mobles de cociña sostibles é centrarse no asequible, recorrendo a madeira de castiñeiro de proximidade e materiais cun alto compoñente de reciclabilidade.

Novo informe estratéxico na web

A segunda parte do workshop, de carácter exclusivamente presencial, tivo formato de taller práctico e interactivo. Foi dinamizado polos expertos Unai Etxebarria e Iker Agirre, da empresa especializada Materially, que presentaron unha selección de materiais innovadores materiais innovadores para o ecodeseño, que se recollen nun estudo estratéxico xa dispoñible na web da Materioteca de Galicia. (link a
https://www.materioteca.gal/wp-content/uploads/2022/10/Informe_ecodeseno_DistribucionUso_Galego.pdf).

Este ciclo de workshops, que se está a desenvolver ao longo de todo este ano a iniciativa da Axencia Galega de Innovación, está dedicado a explorar as oportunidades de innovación que representan os novos materiais en relación con procesos que aumentan a vida útil dos produtos e reducen o impacto ambiental a través da recuperación, a reutilización, a reciclaxe e o ecodeseño.