O CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Axencia Galega de Innovación, participa un ano máis na G-NIGHT, Noite Galega das Persoas Investigadoras, coordinada pola Universidade de Vigo, e na que colaboran as 3 universidades galegas e diversas institucións e centros. Este ano celébrase o 29 de setembro.

A terceira edición da Noite Galega das Persoas investigadoras contará con preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico baixo o lema ‘Conciencias Creativas’. Os obradoiros, paseos, visitas guiadas, charlas e espectáculos gratuítos terán lugar nunha vintena de localizacións, espalladas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

No CIS Tecnoloxía e Deseño organizaranse diversas actividades:

Obradoiros “Slime Lab” e “Exploradores virtuais”: dirixidos a estudantes de 5º-6º de Educación Primaria.

Espectáculo “Explorando o futuro inmediato”: dirixido a estudantes de ESO, bacharelato e Formación Profesional.

Experiencia coa realidade virtual e aumentada. Visitas concertadas: dirixidos a estudantes de ESO, bacharelato e Formación Profesional.

Descubrindo o CIS Tecnoloxía e Deseño. Portas abertas: dirixido ao público xeral.

En horario de 18.00 a 20.00, na xornada de Portas abertas, os visitantes terán oportunidade de coñecer o espazo de difusión de materiais innovadores da Materioteca de Galicia. Tamén poderán visitar as instalacións de Realidade Virtual e Realidade Aumentada: o showroom e a sala de demostradores. No showroom poderán interacturar con diferentes dispositivos de realidade virtual e aumentada e na sala de Demostradores estarán dispoñibles varios demostradores realizados no marco de diferentes proxectos europeos. Non é necesaria inscrición previa.