O pasado 28 de febreiro tivo lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño da Axencia Galega de Innovación unha xornada de traballo na que se reuniron máis de 30 participantes do sector naval e industrial para reflexionar conxuntamente sobre a tecnoloxía xemelgo dixital (G.D.), poñendo en evidencia a demanda real actual e avaliando a previsión de demanda futura de xemelgos de produtos dixitais no sector naval.
A xornada contou cunha mesa redonda inicial de presentación do xemelgo dixital, na que participaron María José Mariño Fontenla e José Luis de Nicolás do CIS Tecnoloxía e Deseño, Rafael Dominguez de Aclunaga, Daniel García de Gradiant, Alicia Munín da Universidade DA Coruña, Santiago Parente de Navantia e Valeria Gariup de Detegasa.
A continuación desenvolveuse unha sesión participativa de intercambio de ideas na que se analizou, entre outros temas, a situación actual de desenvolvemento do xemelgo dixital na industria auxiliar, así como a demanda actual e futura. Tamén se comentaron os retos e oportunidades para a implantación do GD, así como as tendencias futuras previsibles.
Grazas á dinámica participativa deste evento, extraéronse unha serie de conclusións importantes, a través das cales o grupo de socios do proxecto Twin Navaux puido comprobar que o proxecto está aliñado co diagnóstico e coas necesidades actuais e inminentes do sector: o feito de que aínda non exista unha demanda xeneralizada de xemelgos dixitais non diminúe a posibilidade de que en breve sexan un requisito imprescindible en moitas licitacións. Que as empresas teñan a capacidade de analizar como deben comezar cos seus produtos xemelgos así como a necesidade de formación dos profesionais afectados por esta nova tecnoloxía son necesidades que xa aparecen como obxectivo do proxecto TWIN NAVAUX e que se concretarán nas seguintes actividades:
Realización de tres xemelgos dixitais reais para estudar de forma práctica as problemáticas da súa elaboración; elaboración e publicación dunha guía para a implantación do xemelgo dixital na empresa fabricante de produtos; realización dun estudo económico que facilite aos emprendedores un estudo do retorno dos seus investimentos; formación e reciclaxe do persoal implicado na creación dos G.D.
Con esto preténdese axudar ás empresas subministradoras de equipamentos e servizos do sector naval da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal a visualizar como esta tecnoloxía podería aportar un valor a curto-medio prazo que lles poida proporcionar unha vantaxe competitiva con respecto ás empresas do seu sector.
Durante a sesión participativa, ademais dos socios do proxecto, a Axencia Galega de Innovación – CIS Tecnoloxía e Deseño, beneficiario principal; Asociación Clúster Naval de Galicia (ACLUNAGA); Universidade da Coruña; Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalúrxica (CATIM); Universidade Portucalense Infante Dom Henrique; Ibercisa Deck Machinery SA; Ferri Industries SA; Electrorayma, SL, participaron activamente as seguintes entidades e empresas: Aimen, CT Ingenieros, Dihgigal, Fernández Jove, Detegasa, Ghenova, Grupo Intaf, Mp4gov, Navantia, Siemens, Talleres Maiztegui, Talleres Mecánicos Galicia e Wilbö.
Esta actividade está enmarcada no proxecto TWIN NAVAUX – Fomento do uso do xemelgo dixital na industria auxiliar naval de Galicia – Norte de Portugal, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021 -2027, que conta cun orzamento de case 1,4 M€ para o período 2023 – 2025.