Como parte das actividades do proxecto Interreg España – Portugal MAINGAP técnicos do CIS Tecnoloxía e Deseño acudiron o 23 de novembro ao Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago para mostrar o Simulador de Realidade Virtual para Pintura en  Talleres de Automoción (SimCarPaint).

Trátase dun desenvolvemento que permitirá mellorar o proceso de aprendizaxe no pintado de pezas de automoción xa que proporciona un entorno moi realista, seguro e saudable para que, tanto alumnos de formación profesional como traballadores do sector poidan facer prácticas sen necesidade de dispor de pezas reais, talleres, nin pinturas, co conseguinte aforro  de custos que supón.

Esta demostración do CIS Tecnoloxía e Deseño formou parte da reunión do proxecto  Erasmus+ IDiVET – Improving Digital Learning in VET  que organizaba o CIFP Politécnico de Santiago dentro da convocatoria de Asociacións para a preparación da educación dixital no campo da educación e da Formación Profesional. O  proxecto IDIVET  apoia ao profesorado de Formación Profesional no desenvolvemento de novas prácticas innovadoras e fomenta o uso das tecnoloxías dixitais, en particular nas ensinanzas relacionadas coa automoción.

A esta demostración, xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, asistiron  membros das  institucións que forman pate do proxecto:  Association Nationale pour la Formation Automobile(ANFA), de Francia; Scuola Centrale Formazione Associazione (SCF), de Italia; Ammattiopisto Luovi, de Finlandia; Société d’Enseignement Professionnel du Rhône (SEPR), de Francia ademáis de profesorado do CIFP Ferrolterra e do CIFP As Mercedes.