Dirixido a: Educación Primaria (5º – 6º).
Límite de prazas: 30 aulas.
Data límite de inscrición: 3 de marzo de 2021.

Vivimos nun mundo dixitalizado, no que as habilidades ligadas ás TIC son cada vez máis valoradas laboralmente. É necesario achegar ao alumnado ás novas tecnoloxías cun enfoque innovador, ofrecéndolles ferramentas de aprendizaxe atractivas e de uso intuitivo que lles permitan descubrir a tecnoloxía que se “esconde” detrás dos dispositivos.

O proxecto escolar “Creación de mundos AR e VR” ofrece a posibilidade de descubrir as bases das tecnoloxías de Realidade Aumentada (AR) e Virtual (VR) a través de propostas educativas innovadoras. Os estudantes aprenderán a desenvolver de forma sinxela os seus propios contidos de AR e VR, con propostas axustadas ás súas capacidades.

Os contidos que se abordarán neste proxecto son os seguintes:

Bases biolóxicas da visión 3d. Para comprender as tecnoloxías, débese antes entender como funciona a nosa visión tridimensional.

Historia da AR e a VR. É importante ter unha contextualización histórica da tecnoloxía. A través de actividades divertidas e amenas, irase descubrindo a evolución histórica. A modo de exemplo, construiranse as súas propias lentes anaglifas 3d e contidos propios.

Wallame. Trátase dunha ferramenta moi intuitiva e sinxela que permite crear en minutos contidos de Realidade Aumentada. Unha excelente opción para que os estudantes desenvolvan os seus primeiros proxectos e descubran as posibilidades desta tecnoloxía.

Cospaces. É a plataforma educativa estrela na actualidade para o desenvolvemento de contidos de AR e VR. De forma moi simple, permite crear mundos que posteriormente cun dispositivo móbil pódense ver en Realidade Aumentada e Realidade Virtual. Inclúense unha serie de titoriais en vídeo e actividades complementarias que permitirán ao alumnado aprender de forma moi rápida a desenvolver os seus propios contidos.

Proxecto final. Para dar sentido á aprendizaxe, considérase importante que o alumnado integre o aprendido a través do desenvolvemento do seu propio proxecto. Para iso, recompílanse unha serie de propostas con distintas características que os estudantes poden levar a cabo.

A proposta é totalmente práctica. Todas as actividades están concibidas para a súa fácil implantación na aula e ser realizadas polo alumnado de forma case autónoma.

A plataforma á que terán acceso os centros participantes, inclúe guías e materiais complementarios para facilitar a realización das actividades na aula.

Así mesmo, organizarase unha sesión inicial de presentación para o profesorado dos centros participantes.
O profesorado terá á súa disposición un servizo para a realización de consultas e asesoramento para que este proxecto poida ser desenvolvido na aula.

En caso necesario, só se admitirá unha aula por centro educativo.