Alumnado do ciclo medio de carpintería do IES Melide participaron este 13 de maio nunha das actividades EduTecEmprende realizada no CIS Tecnoloxía e Deseño para visitar o centro  e interactuar coas diferentes ferramentas tecnolóxicas de que dispón.

Ao longo da visita, os 13 estudantes acompañados polos seus catro docentes, estiveron a experimentar e aprendendo sobre os múltiples instrumentos e dispositivos de realidade virtual como son o Google Cardboard, HTC Vive e Oculus Rift entre outros. Asimesmo, tamén interactuaron con dispositivos móbiles orientados ao mantemento de equipos industriais, un simulador de pintura e vernizado, grazas á realidade aumentada.

Durante esta cita tamén se lles presentou a Materioteca, unha iniciativa da Xunta de Galicia que ten como principal misión a implantación de materiais innovadores nas empresas galegas a través do deseño.  O alumnado puido apreciar estes en primeira persoa visitando a exposición coa que conta o centro, explicada por un dos seus técnicos.

Esta visita está encadrada no programa EduTecEmprende, que ten como finalidade promover o interese dos mozos polas áreas STEM e así motivalos a emprender mediante o coñecemento da realidade tecnolóxica e empresarial da nosa contorna actual.

Desde o CIS Tecnoloxía e Deseño queremos agradecer a presenza do IES  Melide esperando que estas actividades representaran unha forma lúdica de aprender novas tecnoloxías, para que os estudantes poidan incorporar esta aprendizaxe na súa vida diaria dunha forma innovadora.