A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, a través do CIS Tecnoloxía e Deseño, segue a traballar no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e da innovación como factores clave para o desenvolvemento e o crecemento de Galicia. Con tal fin, dentro do seu programa D’tec, celebrará esta Semana Santa un campamento científico centrado nas áreas de coñecemento do CIS Tecnoloxía e Deseño relativas á innovación, a tecnoloxía, os novos materiais e o deseño. O campamento, dirixido a alumnado de educación secundaria, desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril en horario de 10h a 14h. Esta iniciativa xorde como unha nova actividade do programa, xunto coa oferta de espectáculos, talleres científico-tecnolóxicos e cine que se levan a cabo para os centros educativos.

Durante as tres xornadas, os participantes realizarán un conxunto de actividades prácticas, que irán desde deseñar e producir produtos mediante impresión 3D ata familiarizarse con contornas de creación de contidos de Realidade Aumentada e Virtual ou iniciarse na programación de placas programables.

A iniciativa ten por finalidade ofrecer ás familias e á mocidade a posibilidade de aproveitar os días de lecer para achegarse a contidos complementarios aos que se desenvolven nos centros educativos e fomentar nela o interese pola ciencia, a innovación e a tecnoloxía.

Esta actividade é totalmente gratuíta e conta nesta primeira edición cunha oferta de corenta prazas para estudantes de educación secundaria obrigatoria (12-16 anos). A inscrición que se realizará por orde de chegada está aberta ata o 28 de marzo de 2023 a través da web.

Máis información