A oferta deste curso do programa D´tec inclúe talleres científico-tecnolóxicos e espectáculos científicos para alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional

Hoxe comezaron as actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas correspondentes ao curso 2023/24 que a Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia organiza no CIS Tecnoloxía e Deseño dirixidas a centros escolares de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A oferta inclúe talleres científico-tecnolóxicos para o alumnado de todos os niveis educativos e espectáculos científicos orientados a secundaria, bacharelato e formación profesional no marco do programa D’tec, que ten como finalidade fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas e achegar á sociedade o mundo da innovación, a tecnoloxía e o deseño desde un enfoque atractivo e didáctico.

Durante o primeiro trimestre, os centros de primaria poderán participar en dous talleres: Tecnolab, centrado no uso de placas programables, e A química e a cosmética, que achega ao alumnado a química e as súas aplicacións industriais. Na xornada de hoxe participou alumnado de primaria do CEIP Plurilingüe Os Casais (Maniños) e do CEIP Plurilingüe A Laxe (Ferrol).

No caso de secundaria, bacharelato e ciclos formativos, a oferta de talleres inclúe En caída. Tecnolab e Cosendo o futuro. O primeiro está adicado ao deseño e a resolución de retos e o segundo a unha aproximación creativa á programación e ao deseño. Durante o desenvolvemento das actividades, o alumnado traballará con placas programables ao tempo que deseñará prototipos e desenvolverá tarefas ligadas ao ámbito da innovación.

Por último, os estudantes de secundaria, bacharelato e formación profesional poderán asistir ao espectáculo Innovando a ombros de xigantes, no que se percorre dun xeito espectacular e ameno a historia da innovación e a súa importancia para o avance social. A proposta compleméntase cun reto con formato de escape room grupal, no que os asistentes deben resolver desafíos e traballar en equipo para superar as distintas probas.

As prazas para os talleres e espectáculos están cubertas pero durante as vacacións de Nadal celebrarase un novo campamento científico e cine científico dirixido a un público familiar.