Dentro do Proxecto MATES (Erasmus +) que liderou o CIFP Someso, o CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente de GAIN, desenvolveu un simulador virtual (SIMU AIRLESS) de pintura de grandes estruturas metálicas.

Este simulador replica o traballo de pintado dun sistema Airless, e foi desenvolto co apoio da empresa ferrolá INDASA, especialista en pintura en diversos sectores industriais desde hai máis de 40 anos.

O usuario ou usuaria do simulador utiliza un casco HTC Vive para a parte de visualización 3D e un dos seus mandos simula a pistola de pintado.

Creouse unha contorna virtual que representa un espazo do estaleiro Navantia Fene, onde se constrúen desde hai varios anos os Jackets para a eólica mariña, e pódense realizar prácticas de pintado de diversas das pezas que compoñen estes jackets.

Tras a realización da práctica, o/a docente obtén, ademais dunha visión 3D da peza pintada, toda unha serie de informes sobre as traxectorias que seguiu a pistola, tempos de proceso, cantidade de material depositado,….

Do mesmo xeito que se fixo co simulador de vernizado desenvolto polo CIS Tecnoloxía e Deseño dentro doutro proxecto Erasmus+ anterior, este simulador instalarase naqueles centros de F. P. da nosa Comunidade que o precisen para algunha das especialidades que imparten.