O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA é a aposta pola innovación e o deseño estratéxico para a transformación social e económica de Galicia dende un enfoque sustentable, atendendo á capacidade dos procesos creativos e do deseño como axentes de cambio.

As súas prioridades son:

  • O reto climático.
  • A transformación dixital.
  • A competitividade empresarial.
  • O benestar social.

Para abordalas, o programa contempla cinco accións estratéxicas:

  • A construción sólida dun ecosistema galego de deseño e innovación no que se impulse a colaboración entre os diferentes axentes para buscar sinerxías que contribúaná transformación económica e social de Galicia.
  • A posta en marcha de grupos multidisciplinares de cocreación para conectar ciencia, tecnoloxía e arte. No marco desta liña, propiciaranse a súa vez os procesos de deseño para a innovación social, onde se integre e implique a cidadanía. O fin é a búsqueda de solucións a retos do contexto actual.
  • Liñas de financiamento para o desenvolvemento de novos produtos, servizos e modelos de negocio que se constitúan como exemplos de deseño para a innovación e a sustentabilidade. Isto implica aproveitar a oportunidade que propician os desafíos ecolóxicos e dixitais actuais para transformar e mellorar a vida das persoas e optimizar a competitividade empresarial.
  • A visibilidade das empresas e profesionais que apostan polo deseño, a innovación e a sustentabilidade como motores de competitividade económica e benestar social.
  • A configuración da Rede Internacional de Profesionais do Deseño Galego, formada por deseñadoras e deseñadores de recoñecido prestixio e que, desde calquera parte do mundo, queiran colaborar no crecemento de Galicia e na economía intanxible.

DIFERENZA dálle continuidade ao Programa de Deseño para a Innovación Empresarial 2020, promovido pola Xunta desde 2018 para incorporar o deseño ao mundo empresarial e poñer en valor a figura dos profesionais impulsando a posta en marcha do mapa de provedores de servizos de deseño, da Materioteca de Galicia  e dos Premios Galicia de Innovación e Deseño; a participación en proxectos europeos; e o desenvolvemento dos primeiros encontros  e publicacións sobre o tema, entre outras actuacións.