Vilalba foi a cidade escollida para iniciar o Camiño da Innovación o pasado día 5 de novembro, continuando por Ordes e As Pontes.

No marco desta iniciativa, posta en marcha polo Goberno autonómico a través da Axencia Galega de Innovación, realizaranse un total de 18 paradas entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

Camiño da Innovación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes (12M€) da Xunta, e ofrece en cada parada –mediante cita previa– asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Axencia Galega de Innovación. Deste xeito, axudaráselles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 consultas en toda a xira, colaborando con cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Camiño da innovación conta tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

No interior do bus que aloxa as salas de reunión, poderase visitar a mostra de materiais gañadores do I Certame de Materiais Innovadores de Galicia,  que formarán parte da Materioteca de Galicia aloxada no CIS Tecnoloxía e Deseño,  así como dunha aplicación de realidade aumentada que mostra información daquela empresas innovadoras que poidan servir de referencia aos usuarios do servizo de asesoramento desta iniciativa.  Estes materiais e desenvolvementos  foron aportados polo CIS Tecnoloxía e Deseño.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.