O luns 4 de marzo,  máis de 50 alumnos da provincia de Lugo  visitaron o CIS TEcnoloxía e Deseño para acudir a dúas novas edicións dos talleres Tecnolab e a A Química.  Alumnado de 5º e 6º de Primaria dos CEIP Manuel Mato Vizoso de Vilalba e do CEIP de Negueira de Muñiz  visitaron o centro para participar nestes dous talleres de forma alternativa. No primeiro deles,  o Taller D’tec Tecnolab, o alumnado puido descubrir as posibilidades da programación de forma lúdica e divertida mentres construían distintos sistemas partindo das placas programables Microbit, vendo as implicacións prácticas da programación de placas electrónicas e a súa importancia na nosa vida cotiá. Entre outras actividades recolleron datos con sensores, controlaron luces e transmitiron sinais sen fíos. Para finalizar a actividade,  enfrontáronse a un reto: Construír un sistema de alarma que resista a intrusión dos docentes!

No seguinte taller,  A química e a cosmética,  os participantes aproximáronse de forma práctica ao campo da química e o desenvolvemento de materiais e compostos.  Na primeira parte da actividade o contido céntrouse en ofrecer aos participantes unha aproximación comprensible á estrutura da materia e a química a través de diferentes experiencias sorprendentes. Na segunda parte, focalizáronse nas súas aplicacións, creando bombas de baño e outros cosméticos utilizando diferentes fórmulas.

Ao día seguinte 5 de marzo,  40 alumnos de 2º de ESO do  CPI Castro Baxoi  de MIño participaron  en dous talleres enfocados neste caso a ESO, Bacharelato e a Formación Profesional.  O alumnado participou  alternativamnte en dúas actividades:  En caída, Tecnolab  e Cosendo o Futuro. Os e-téxtiles.

No primeiro deles,  En caída, Tecnolab,  o alumnado aproximouse de forma experimental á telemetría e ao deseño cunha dobre misión: por unha banda, deseñar un sistema de descenso para un piloto de probas (un ovo) e polo outro, programar un sistema que lles permitira recoller datos mediante telemetría, monitorizando diferentes parámetros do descenso.

No taller Cosendo o futuro. Os e-téxtiles,  o alumnado puido coñecer como hoxe en día estamos rodeados de materiais innovadores, que cada vez se integran máis na nosa vida cotiá. E os tecidos non escapan a esta revolución. Durante o taller recibiron unha formación básica en programación e posteriormente pasaron á fase de deseño, creando unha peza ou complemento que foi integrada nunha placa electrónica programable que reacciona aos estímulos que programados (cambios de intensidade de luz, ruído, movemento…).

Dende o CIS Tecnoloxía e Deseño esperamos que estes talleres representaran unha forma lúdica de aprender novas tecnoloxías que o alumnado poida incorporar de forma novedosa.