Unity é xunto a Unreal unha das plataformas de creación de videoxogos máis estendidas na nosa contorna, pero o máis interesante de ambas é que a pesar de ser inicialmente plataformas de creación de videoxogos son moi utilizadas no mundo empresarial para xerar aplicacións de mantemento, formación ou márketing, entre outras.

O CIS Tecnoloxía e Deseño utiliza Unity como base para desenvolver todas as súas aplicacións, tanto de Realidade Virtual como de Realidade Aumentada.

Unity permite xerar aplicacións para multiplataforma: para PC e MAC, para teléfonos móbiles e tablets Android e IOS, para lentes de Realidade Virtual e Aumentada e mesmo para Cave Automatic Virtual Environments (CAVE´s), como a que existe no CIS, en Ferrol.

Outro aspecto moi relevante de Unity é que é un software gratuíto para un amplo sector de desenvolvedores/as.

GAIN, no seu labor de divulgación de tecnoloxías avanzadas, lanza este programa formativo sobre o software UNITY, co fin de facilitar a entrada en contacto cunha ferramenta sumamente versátil, cun gran campo de aplicación, e que pode mellorar tanto a empregabilidade de técnicos/as desempregados/ as, a súa mellora no desempeño do traballo, como a ampliación de propostas de profesionais e empresas cara ao mercado.

O público obxectivo destes talleres, eminentemente técnico, é: alumnos/as de deseño de videoxogos (Grao, Máster e FPs), de enxeñerías e arquitectura, freelances, persoas en procura de emprego, empresas do sector videoxogos para formar aos seus novos empregados, empresas de calquera índole que queiran coñecer as posibilidades de xeración de aplicacións de mantemento, formación, márketing, etc

Este ciclo de está composto polos seguintes talleres:

Taller de Iniciación a Unity

Este taller ofrece unha visión xeral de Unity, onde aprenderemos os conceptos básicos da programación gráfica e tamén a facer uso das súas funcións e ferramentas máis comúns. O obxectivo final será o de ser capaces de crear unha simulación 3D desde cero incluíndo as interaccións coa contorna.
Datas: 26 de abril a 7 de maio
+Info

Taller de Realidade Aumentada con Unity e Vuforia

A Realidade Aumentada está a gañar posicións dentro da industria como unha ferramenta fundamental para levar a cabo labores de formación e mantemento de equipos. Existen diferentes posibilidades de implantación, pero Vuforia posiciónase como o referente dentro das librerías de realidade aumentada e neste taller aprenderemos a utilizala e crear con ela nosas propias aplicacións.
Datas: 1 e 2 de xuño
+Info

Taller de Realidad Virtual con Unity e Google Cardboard

Cando falamos de Realidade Virtual véñennos á mente complexos e custosos equipos como lentes ou sistemas de posicionamento que teremos que adquirir para disfrutala. Neste taller aprenderemos que cunhas simples lentes de cartón ideadas por Google e o noso smartphone, poderemos disfrutar das nosas propias simulacións de Realidade Virtual cun investimento mínimo.
Datas: 14 de xuño
+Info