O pasado 6 de novembro tivo lugar o 8º encontro de socios do proxecto Interreg Europe: Design4Innovation. Este encontro titulado “ Monitoring Action Plans” tivo por obxecto analizar a evolución dos Plans de Acción para o estímulo do deseño que, previamente, foron propostos por cada un dos oito socios do proxecto.

O encontro, que debía celebrarse de forma presencial en Katowitzia (Polonia) finalmente tivo que ser realizado en formato videoconferencia debido ás restricións de movemento provocadas pola pandemia COVID-19. Neste encontro on-line, cada un dos socios puido presentar as últimas novedades, retos e leccións aprendidas en canto á realización dos Plans de Acción presentados.

No caso de Galicia, o Plan de Acción presentado pola Axencia Galega de Innovación- GAIN, contiña 4 liñas a desenvolver:

1ª liña: Deseño de programa de formación para empresas:

Mediante o desenvolvemento do REACCIONA-INNOVACIÓN en colaboración GAIN -IGAPE, no que se incluíron dous servizos vinculados á formación en deseño para pemes: • Deseño para lanzar novos produtos e servizos innovadores. • Protección da innovación (deseño incluído)

Durante 2020 realizáronse 4 convocatorias (xullo, setembro, novembro e a última en decembro) e estímase a participación en máis de 80 pemes.

2ª liña: Crear Premios de Deseño de Galicia.

O pasado mes de outubro, a Xunta de Galicia anunciou a primeira edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. Estes premios buscan destacar as mellores prácticas en deseño e mostrar como éste xoga un papel fundamental na mellora da competitividade das empresas. No apartado de deseño hai 3 categorías: deseñadores profesionais, novos deseñadores e empresas que incorporaron con éxito o deseño á súa estratexia empresarial.

3ª liña: Deseño para o emprendemento.

Apoiar accións de formación e asesoramento a emprendedores no ámbito do deseño a través da Rede Galega Aceleradora e no marco do noso Programa Deseño para a Innovación 2020. Ata o de agora máis de 7 aceleradoras participaron en diferentes talleres de Design Thinking orientados a como deseñar servizos baseados na experiencia do usuario. Máis de 200 emprendedores asistiron a estes talleres.

4ª liña: Crear unha comunidade virtual de deseñadores.

Creouse un mapa de provedores de deseño no marco do programa Deseño para a Innovación 2020. Este catálogo online púxose en marcha en colaboración cos grupos de interese do DAG (Asociación Galega de Deseño) e a Agrupación industrial da Comunicación e ata o de agora sumáronse máis de 80 profesionais.

Ademáis GAIN e DAG colaboran para realizar un estudo de análise da situación económica do deseño en Galicia, que será de gran utilidade para establecer futuros indicadores de seguimento do Plan de Acción de Deseño.