Conde destaca que o CIS GTecnoloxía e Deseo debe ser un punto de encontro dos sectores productivos, aproveitando a presenza nel de entidades como Asime, os clústers do naval e das enerxías renovables, Aclunaga, e Cluergal, respectivamente, e as citadas Navantia e Siemens

Confía en que o Goberno se comprometa a través do Pacto e Estado por Ferrol a dotar de carga de traballo a Navantia porque a situación, di, é “insostible”

Destaca a aposta por facer de Ferrolterra un polo enerxético e un hub de eólica offshore a través de proxectos industriais e de xeración que a Xunta avaliará co Goberno e o sector

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, precisou hoxe que o Pacto de Estado por Ferrol busca posicionar o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS Galicia) como centro de referencia dos principais ámbitos produtivos da comarca de Ferrolterra, en especial, da industria naval, a través do centro de excelencia para o sector que ultiman Navantia e Siemens.

Nun encontro que mantivo hoxe cos integrantes do CIS Tecnoloxía e Deseño e da Universidade da Coruña, proseguindo a axenda de contactos para abordar o contido das medidas que vai recoller o Pacto de Estado por Ferrol, Conde destacou que este centro de I+D+i debe ser un punto de encontro dos sectores produtivos, aproveitando a presenza nel de entidades como Asime, os clústers do naval e das enerxías renovables, Aclunaga, e Cluergal, respectivamente, e as citadas Navantia e Siemens.

O vicepresidente económico apuntou que, nesa aposta pola industria que contempla o Pacto de Estado por Ferrol, unha das principais necesidades que hai que atender de forma prioritaria é dotar de carga de traballo os estaleiros de Navantia. Ao respecto, reprobou a “inacción” do Goberno ao non adxudicar o buque de aprovisionamento loxístico previsto mentres non comeza a construción das fragatas F-110.

“Isto é unha situación insostible e esperamos que o Goberno se comprometa a través deste Pacto e Estado a dotar de carga de traballo a Navantia”, dixo Conde, que lembrou que están pendentes investimentos como o dique cuberto ou o taller de subbloques, que son infraestruturas que achegarían máis competitividade ao estaleiro para acceder a licitacións internacionais.

Ademais destas necesidades urxentes que ten o sector naval da comarca, Conde subliñou que existe unha aposta clara por facer de Ferrolterra un polo enerxético produtor de biocombustibles —a través da central térmica das Pontes—, hidróxeno verde ou GNL. E, en paralelo, mencionou o compromiso da Xunta de crear un Hub de eólica offshore. Trátase de que todos os traballos que durante estes últimos anos están a facer Navantia e Windar poidan ter continuidade incorporando dentro desa cadea de valor industrial novos proxectos e a capacidade de atraer novos investimentos.

Nese sentido, manifestou a vontade da Xunta de avaliar xunto co Goberno as posibilidades que ten Galicia de desenvolver proxectos de xeración eléctrica a través da eólica mariña, para o que considerou que “a elaboración da planificación da ordenación marítima pode ser unha oportunidade para Galicia”. “Imos traballar co sector e co Goberno nesas dúas variantes: a aposta industrial que xa estamos a desenvolver e queremos consolidar e reforzar, e a aposta pola xeración a través de proxectos concretos que se poidan desenvolver en Galicia”, remarcou.

O vicepresidente económico concluíu lembrando que esta mesma semana a Xunta vai enviar o documento base do pacto ao Goberno de España, á Deputación da Coruña e aos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para que poida ser ratificado e asinado por todas as partes e posto en marcha canto antes.