A situación de crise sanitaria provocou que moitas  empresas e organizacións deban reorientar as súas actividades, produtos, mercados: ser capaces de innovar, é dicir, de converter os seus activos e coñecementos en novos produtos ou servizos achegando unha proposta de valor clara e atractiva ao mercado que ademais xere un impacto ou beneficio para a sociedade.

Segundo a Norma UNE 166006/2011 a Vixilancia Tecnolóxica é un “Proceso organizado, selectivo e sistemático, para captar información do exterior e da propia organización, seleccionala, analizala, difundila e comunicala, para convertela en coñecemento co fin de tomar decisións con menor risco e poder anticiparse aos cambios”. O Cis Tecnoloxía e Deseño, conta cunha dilatada experiencia e coñecemento na prestación de servizos de Vixilancia Tecnolóxica (VT) e Intelixencia Competitiva (IC) que ofrece desde o ano 1999 a todo tipo de organizacións e empresas mediante a asesoría ou a elaboración puntual de informes ou outros produtos documentais.

O ciclo de VT responde ó interese do CIS T&D en mostrar ao tecido empresarial a importancia da información tecnolóxica, científica e da contorna, así como a aplicación na xestión empresarial, tentando achegar e mostrar unha visión práctica da  VT. Levarase a cabo en dúas xornadas e un curso de dúas sesións, en modalidade online, todos os mércores desde o 28 de outubro ao 18 de novembro. As dúas primeiras: “Desafíos e oportunidades da vixilancia tecnolóxica no contexto actual”  e  “Cómo aproveitar as fontes de datos abertas e as ferramentas open source para vixilancia tecnolóxica”, 28 de outubro e 4 de novembro respectivamente, serán impartidas por Enric Escorsa O’Callaghan, CEO de IALE Tecnología, empresa pioneira no ámbito da Intelixencia Competitiva e a Vixilancia Tecnolóxica en España e Latinoamérica, con base en Barcelona e filial en Chile.

O curso “Introdución á Vixilancia Tecnolóxica no sector industrial” desenvolverase en dúas sesións, o 11 e o 18 de novembro, e será impartido por Rita Pastor del Castillo, actualmente e desde 2016 CEO fundadora de Intelligence Experts , empresa especializada en Vixilancia Tecnolóxica, Intelixencia Competitiva e análise de patentes. Ao longo do curso, enfocado como taller de traballo, realizaranse supostos prácticos, analizaranse ferramentas e mostraranse os pasos necesarios para o deseño e a posta en marcha dun servizo de VT nunha empresa.

A inscrición é gratuíta para calquera das xornadas e poderá realizarse a través da web da Axencia Galega de Innovación, http://gain.xunta.gal/eventos ou na propia web do Cis T&D.